Propietario

Lembras, meu amigo, cando rubíamos polos muros das fincas, para entrar nas abandonadas casas que agachaban? Lembras o cric-crec das escaleiras ao subirmos, sabedores de que o noso peso non era máis ca unha cóxega inofensiva na súa decrépita estrutura? Como nos recibían as casas, case choraban esas pinguiñas de contida humidade que gardaban até nos mirar! E agora, amigo, tapiaches a casa dos teus avós, deixándoa agoniando, ás escuras, sen nenos e nenas que levadas da curiosidade entren a compartir segredos e xogos entre as súas paredes, sen que un camiñante sorprendido pola noite poida abrigarse baixo o seu teito. Para quen vai gardar agora as felices bágoas que nós coñecemos?

Deixar un comentario